O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora na estrada Gondomar-Chaín-Morgadáns dentro do termo municipal de Gondomar.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xunto co alcalde Francisco Ferreira, realizou hoxe unha visita á zona para supervisar a actuación, que consistiu nunha rehabilitación estrutural do firme xunto coa instalación de redutores de velocidade e a creación dunha ‘zona 30’.

Benítez destacou que o proxecto de mellora, consensuado co alcalde, supuxo un investimento de máis de 406.300 euros, e foi executado pola empresa ‘Nexia Infraestruturas’. Subliñou que o actual goberno da Deputación aposta por mellorar a seguranza viaria na rede de estradas provincial, polo que a solicitude de Ferreira foi atendida logo de valorar o mal estado do firme, que presentaba un deterioro moi importante.

Asimesmo, o nacionalista tamén apuntou que a Deputación insistiu na necesidade de instalar elementos de calmado de tráfico co fin de minorar a velocidade coa que os vehículos transitaban pola zona ata o momento, colocando seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como ‘lombos’) e nova sinalización horizontal e vertical que delimita claramente a 30 quilómetros por hora o paso dos coches.

O deputado de Mobilidade explicou que coa súa chegada á Deputación, o novo goberno provincial plantexou un cambio de filosofía que mudou as prioridades nos proxectos de mellora de estradas, poñendo o foco nas persoas e apostando por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.

Ao plantexarse unha nova actuación na estrada, de feito, dende o primeiro momento descartouse continuar o proxecto iniciado pola anterior corporación provincial, dado que as beirarrúas que se construíran, ademais de estar incompletas en varios treitos pola falta de terreos, non cumprían cos mínimos requisitos de accesibilidade nin de calidade.

“Ao chegar ao goberno marcamos un cambio claro. Pensabamos que o modelo do PP de facer beirarrúas de 1,5 metros estaba rematado e o alcalde, neste sentido, optou por destinar o investimento provincial que se lle propoñía a solucionar o problema grave no firme e a aumentar a seguranza viaria e a calmar o tráfico”, apuntou.