Rafael Yebra

O “Verán na rúa” do Concello de Tui ofrece esta semana dobre proposta musical da man da IV AIS, Aula Internacional de Saxofón, e do VII IKFEM, o Festival Internacional de Teclado da Eurocidade Tui-Valença.

A IV Aula Internacional de Saxofón comezou onte á noite co concerto a cargo de Multiplensemble onte á noite na igrexa de San Domingos. Até este mércores unha véntena de alumnos amplían a súa formación en safoxón nas masterclasses impartidas polo profesores Xosé Luis Miguélez, gañador dos premios Martín Codax ao mellor disco de jazz; Rafael Yebra, profesor catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e Kyle Horch, profesor catedrático do Royal College de Londres, que ofrece en Tui a súa primeira masterclass en España. A organización corresponde ao Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Asociación Frey Rosendo Salvado.

Hoxe luns, ás 20.30 h, na praza de San Fernando dentro desta IV Aula Internacional de Saxofón estará en concerto Xacobe Martínez Antelo Trío. Presentarán “Capturas” nun concerto a cargo de Xosé Martínez Antelo no contrabaixo, Xosé Miguélez no saxo tenor e Max Gómez á batería.

Mañá martes, ás 21 h, na Igrexa de San Domingos Kyle Horch e Rafael Yebra presentarán un programa de música contemporánea coa estrea absoluta dunha obra do compositor galego Xesús Xosé Iglesias González. Clausurará os concertos Sax Inflexión o mércores 17, ás 20.30 h, no palco da música no Cantón de Diómedes, no Paseo da Corredoira.

Por outra parte os “Concertos no Miño”, preámbulo do IKFEM, recalan hoxe en Tui. A cita será ás 21 h rúa Olímpicos Tudenses, onde o escenario se situará na parte dianteira da gradas fronte ao Centro Interfederado de Remo e Piragüismo. Davide Salvado presenta o seu novo espectáculo “Amarelo” xunto a Pedro Pascual, acordeón diatónico, bouzouki e guitarra e Pablo Pascual, clarinete baixo. No concerto interpretarán cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo reinterpretadas dende unha óptica contemporánea. Davide Salvador, unha da voces máis carismáticas de Galicia, recibiu en 2017 o premio Martín Códax ao mellor proxecto de música tradicional.

O Concertos no Miño rematan mañá en Valença con Mineus Dúo. Xa o mércores comeza a programación oficial do festival. Será no Teatro Municipal de Tui ás 21:00 horas co espectáculo “O Fiadeiro”. O programa completo a celebrar até o domingo pode consultarse en O IKFEM, que está organizado por Xuventudes Musicais Eixo Atlántico.