Centro Cultural de Pedornes
ALFREDO // Centro Cultural de Pedornes

O proxecto “Rumbo ao Emprego” que están a desenvolver conxuntamente os concellos de Oia e O Rosal, ofrece unha nova sesión aberta ao público xeral, neste caso centrada en como xestionar os cambios.

A píldora formativa desenvolverase o próximo venres 19 de xullo baixo o título “Como afrontar a xestión do cambio na procura de emprego”. A cita será no Centro Sociocultural de Pedornes, de 10:00 a 12:30 horas e con entrada de balde, polo que non cómpre inscribirse.

A actividade correrá a cargo de Yolanda Fortes, consultora e docente de estratexia persoal e proxectos paralelos. Posúe ampla experiencia traballando aspectos como o talento, a marca persoal, a motivación e a comunicación.

Xestión do cambio

Especialista en consultoría e coaching, Yolanda Fortes centra as súas intervencións en lograr que as persoas sexan o cambio que queren no seu negocio ou proxecto profesional. “Transformando ás persoas transformamos os negocios” é, de feito, o seu lema.

Na píldora formativa do próximo venres a relatora guiará ás persoas asistentes na difícil tarefa diaria de asumir os cambios: debullará os medos e inseguridades que asaltan ás persoas cando deciden saír da súa zona de confort e revelará o positivo que pode resultar “tirarse á piscina” nalgúns momentos da vida.

“Rumbo ao Emprego” 

“Rumbo ao Emprego” é un proxecto que os concellos do Rosal e Oia veñen desenvolvendo conxuntamente desde o mes de abril. Conta co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro da liña 2 do Plan Concellos.

Esta iniciativa en materia de inserción laboral inclúe formación, prácticas en empresas, orientación e acompañamento individualizado para a procura de traballo. Entre as distintas accións programadas destacan as píldoras formativas, sesións abertas ao público xeral nas que distintos especialistas abordan temas de interese como o autoemprego, as dinámicas de grupo nas entrevistas de traballo ou a xestión do cambio, entre outros.