De novo esta fin de semana os máis pequenos do Club Deportivo Miño volveron as augas do río Xallas, desta vez para disputar a primeira Copa de España «Jóvenes Promesas».

Nenas e nenos de entre oito e dezaseis anos de tódolos clubs de España déronse cita nas augas do campo de slálom do Couquiño en Dumbría, nunha fin de semana de competición, convivencia e reivindicación.

Cinco foron as medallas acadadas polos Teixugos na primeira das competicións da Liga Española de Promoción do Slálom.

Impresionante foi o balance final das mulleres do club. Na categoría cadete, Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada en K1, acadando a medalla de ouro por diante da tamén teixuga, Alba Soutelo, que foi segunda. As mesmas deportistas, pero en canoa ou C1, tamén dominaron o podio, sendo, nesta ocasión, o ouro para Alba e a prata para Ainhoa.

A outra medalla foi para o tamén cadete Samuel Castro, que en canoa fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Álex Segura do Atlético San Sebastián. Outros tres piragüistas completaron o equipo que acudiu a Dumbría, Sergio Rodríguez foi cuarto en K1 cadete, Mateo Álvarez foi vixésimo en K1 infantil A e Adrián Lluch, oitavo en K1 Infantil B.

Esta xornada, e a da semana pasada, tiveron ademais un certo carácter reivindicativo, pois o slálom galego está loitando pola construción dunha canle de augas bravas en Galicia, que, de facerse, podería chegar a converterse nun importante motor económico e deportivo a nivel nacional, pois a única canle de augas bravas de España atópase na Seu D´Urgell, polo que unha canle galega mobilizaría a deportistas galegos, portugueses e casteláns.

Finalmente recordar que o vindeiro sábado, 6 de xullo, de catro a sete da tarde, o Club Deportivo Miño-Teixugos celebra a súa xornada de portas abertas, dende o club animámosvos a acudir.