Dúas estudantes de Secundaria de Tomiño participarán mañá en Santiago de Compostela, nas II Xornadas Formativas Programa Cidades Amigas da Infancia en Galicia.

Acompañadas pola alcaldesa, Sandra González, as alumnas Marta Tiago e Xulia Oliveira, do IES Alonso Ríos, e integrantes do Consello Local de Infancia e Adolescencia “Voces novas” de Tomiño, participarán nunha mesa redonda denominada “A voz da infancia nos gobernos locais”, na que tamén haberá representantes dos concellos de Castrelo de Miño, Ourense e Teo.

Estas xornadas teñen que ver coa solicitude presentada polo Concello, para que Tomiño sexa recoñecida coma Cidade Amiga da Infancia; converténdose, de conseguilo, na primeira vila de Pontevedra con este selo.

O Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI)  ten o obxectivo de impulsar un modelo de xestión municipal, centrado nos dereitos de infancia, que contribúa a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, mediante a promoción e a implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral, desde un enfoque de dereitos.