Puerto de A Guarda

O BNG presentou unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2.018 na que destaca a petición dunha partida de cartos para realizar o novo aceso ao porto da Guarda. Dende a formación nacionalista apuntamn que “o resultado foi moi claro para o pobo da Guarda: voto en contra do PP”.

O BNG considera que o PP queda inhabilitado como partido político para a defensa dos intereses da Guarda: “non se pode estar en Misa e repicando, ou estás co pobo da Guarda apoiando a realización dun novo aceso ao porto ou rexeitas esta proposta condenando á Guarda a uns acesos propios do século pasado. O PP teno claro, prefire unha Guarda do pasado”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG na Guarda.

Dende o BNG, consideran que a realización deste novo vieiro é un dos aspectos fundamentais para que a transformación da Guarda sexa unha realidade. “Coa construción dun novo aceso ao porto e a reforma de Concepción Arenal, estariamos a falar da transformación urbanística e social máis importante dos últimos anos. Sería entregar a Guarda aos seus habitantes e visitantes que recibimos cada ano”, comenta Ángel Baz, voceiro municipal do BNG.

Para o BNG “a actitude do PP é incomprensíbel: vota en contra do convenio coa Deputación de Pontevedra para a modificación da rúa Concepción Arenal e rexeita a construción do novo aceso ao porto da Guarda”.

“O BNG ten claro que o novo aceso ao porto é unha prioridade para conseguir un proxecto de pobo aberto, un pobo no que andar, utilizar a bicicleta non sexa unha actividade de risco, onde as persoas con mobilidade reducida non teñan que sufrir para poder saír da casa. En definitiva, un pobo no que sexa agradábel vivir e camiñar” indica Baz.

Como BNG conseguimos sacar esta infraestrutura do PXOM, agora é a Xunta quen ten que comprometerse a realizala, pero lonxe disto, di non a todo”, sinala o voceiro e subliña que para o BNG é unha pena que o PP non entenda a necesidade desta obra. Os guardeses e guardesas tomarán nota e seguro que non esquecerán o sucedido”.