A Deputación de Pontevedra continúa este sábado 4 de xaneiro en Oia co calendario de concerto do ciclo provincial Entradiñas de Aninovo.
Este programa, formado por 17 concertos, está a levar a distintos espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia un repertorio clásico, tradicional e popular para gozar do Nadal en familia, ao longo do territorio provincial desde mediados de decembro ata mediados de xaneiro.
Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro presentarán este sábado 4 ás 20:00 horas na igrexa do Mosteiro de Oia o seu espectáculo “Cánticos de Luz e Nadal”. Neste espectáculo poético e musical, que é ademais a súa primeira vez xuntos neste ámbito, levan panxoliñas e textos de Nadal ás igrexas da provincia de Pontevedra para recuperar o Nadal no seu sentido primixenio: un tempo de alegría. A actuación será un festexo do gozo, pero tamén un modo de sentir o Nadal intimamente.

