O 9 de agosto de 2018 será lembrado en Tomiño como o día de inicio das obras da nova avenida que rodeará o Seixo, unha infraestrutura que acadou o acordo de tres administracións diferentes (Deputación, Concello e Xunta de Galicia) para retirar o tráfico de paso do núcleo da vila, permitir un desenvolvemento ordenado do municipio e a súa conectividade cunha maior calidade urbana para a veciñanza.
Para facer honra á importancia do evento, a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, a alcaldesa Sandra González, e o xefe territorial de Infraestruturas José Luís Díez Yáñez, protagonizaron un acto oficial para poñer a ‘primeira pedra’ da obra e soterrar no inicio da traza unha cápsula do tempo na que se incluíu documentación sobre o proxecto, xornais do día e moedas de curso legal.
Todos os representantes institucionais concordaron en que a xornada de hoxe foi histórica para o municipio. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a “enorme importancia desta obra demandada desde fai moito tempo polos veciños de Tomiño, xa que se estaba a xerar un grave problema de conxestión de tránsito de vehículos que había que solucionar canto antes”.
Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, responsable do departamento de Mobilidade subliñou que a nova avenida era unha necesidade para o municipio e a comarca, polo que a implicación da administración provincial e da autonómica “está xustificada por interese público”. A nova estrada, lembrou, funcionará como unha rolda ao centro urbano que evitará o paso de 10.000 vehículos polo núcleo, ademais de conectar con equipamentos como o centro de saúde, a residencia asistida, e mesmo o IES de Tomiño, pero tamén enlazará coa futura vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda, polo que servirá para os desprazamentos entre Portugal e o Baixo Miño e a zona de Vigo.
A lonxitude da vía, apuntou o nacionalista, será de 1.318 metros e a súa sección terá 16 metros de largo medio, dez destinados ao dobre sentido de circulación, e seis a unha senda peonil e ciclista pola marxe esquerda.
Benítez lembrou que o convenio para facer a obra asinouse en agosto do pasado ano, que permitiu dar os pasos formais para poder chegar ás obras. En canto ao orzamento, segundo dixo o deputado, a execución desta actuacións chega ata os 3.545.623,60 euros, que se repartiron en 2.351.163,26 euros aportados pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de expropiacións, a dividir en diferentes anualidades.
Cambio radical
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño Sandra González manifestou tamén a súa satisfacción por ver que as obras da avenida son xa unha realidade e o día de hoxe é “especial e emocionante”. Agradeceu a colaboración das tres administracións implicadas, que apostaron por un proxecto estratéxico tendo en conta os intereses da cidadanía e afirmou que a nova vía que rodeará o Seixo suporá un antes e un despois.
Destacou que grazas á nova infraestrutura o crecemento urbanístico do casco urbano será máis ordenado, xa que servirá de eixo ou columna vertebral do municipio. “Non só é unha obra, unha infraestrutura, é un cambio radical.
González sinalou que coa nova estrada “estase a cumprir o soño” de ver un concello de Tomiño “pensado para as persoas” no que se aplican criterios de mobilidade sustentable, segura e inclusiva, destacando a creación da senda para o tránsito peonil e cicilista. “Creamos un espazo público de calidade para que a veciñanza poida vivir e convivir. É un paso máis no traballo que levamos facendo para recuperar Tomiño para as persoas”.
Por outra parte, a alcaldesa quixo agradecer á conselleira Ethel Vázquez a súa aposta pola infraestrutura, ao igual que ao Xefe territorial e ao director da AXI. Tamén agradeceu a Carmela Silva “pola súa intelixancia ao ver proxectos transformadores” e, sobre todo ao deputado Uxío Benítez, de quen dixo “foi o corazón do proxecto e bombeou a enerxía suficiente para que saíse adiante”.