O salón do hotel Alfonso I quedou pequeno para acoller a presentación formal da candidatura coa que Enrique Cabaleiro aspira á reelección “para completar o moito traballo que queda por facer para construír o futuro de Tui”.

Unha presentación diante de máis de 400 persoas que definiu “como un deber ético de agradecemento á veciñanza e ao equipo que me acompaña”. No acto contou co apoio da presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva; do secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca, David Regades; da subdelegada do Goberno, Maica Larriba e dos alcaldes da Guarda, Antonio Lomba, e Salceda, Verónica Tourón. Ademais do presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira e os candidatos socialista do Porriño, David Alonso; Oia, Gerardo Rodríguez, e Tomiño, Violeta de Santiago.

Trala proxección dun vídeo cos grandes fitos deste mandato municipal asegurou que “fíxose moito, pero queda moito máis por facer”. Valorou os éxitos, pero admitiu tamén erros “que estamos a tempo de rectificar”. “Un vídeo”, resumiu, “que reflicte moi ben o que é a política local: traballo, traballo e traballo”. “Somos conscientes do que falta, pero tamén de que hai unha planificación feita para o próximo mandato”.

Cabaleiro recoñeceu publicamente o apoio estable e constante da Deputación presidida por Carmela Silva. “Todo o que se fai en Tui pola mellora dos servizos e equipamentos municipais, absolutamente todo, financiouno a Deputación”. Unha Deputación, engadiu, que abandeira un proxecto político transversal en toda a provincia para a transformación do espazo público. “En Tui iniciamos ese camiño con atraso respecto a outras vilas que empezaron hai 20 anos”, afirmou. “En 2015 tomamos a decisión de retirar os coches do centro histórico, unha decisión valente porque implica explicarlle aos veciños que non se pode levar o coche á porta da casa”. “Agora, o Concello deu o paso de trasladar a recuperación progresiva do espazo público para as persoas aos barrios, ás rúas e tamén ás parroquias. Xa van humanizadas varias estradas provinciais e o proceso continuará”. “Somos unha das cidades históricas máis importantes de Galicia e imos tamén a dignificar as entradas a Tui”. “O futuro é ese e non podemos perder a batalla”, recalcou.

O Teatro Principal, do imposible á realidade

Enrique Cabaleiro amosou o seu orgullo de que Tui se teña convertido nestes últimos catro anos nun referente na captación de fondos europeos, un logro no que Enrique Cabaleiro tivo un recoñecemento para a subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Van máis de 8 millóns de euros mobilizados e pronto comezarán as licitacións das obras.

O alcalde detallou os máis de 1,5 millóns de euros para rehabilitar a Praza de Abastos, os preto dun millón de euros para recuperar o inmoble do antigo cárcere como Centro de Interpretación do Camiño de Santiago, os preto doutro millón euros para rehabilitar o edificio da traseira dos xulgados como Espazo Multicultural e os dous millóns de euros para o centro histórico. Unha chegada de recursos como nunca gracias á existencia dunha planificación previa en liña coa Axenda Urbana e gracias á imparcialidade do Goberno de España, que reparte fondos europeos Next Generation con obxectividade e visión municipalista do territorio.

Cabaleiro quixo, neste apartado, facer unha mención específica á recuperación do Teatro Principal, para que xa hai un millón de euros  cos que se acometerá a primeira fase e amosouse “plenamente convencido” de que en breve confirmaranse outros dous millóns de euros europeos para completar as obras: “algún alcalde dixo que era mellor desmontalo e facer alí unha praza pública, como se o noso patrimonio puidese borrarse da nosa vida e a nosa historia. Eran escépticos. Pois a realidade é que nestes momentos temos en marcha esa rehabilitación que era imposible”.

Finalmente destacou o avance da eurocidade Tui-Valença, “que nada ten que ver coa que herdamos”, e recordou que en 2015 a oficina turística “era unha caseta de madeira e hoxe é unha oficina dixitalizada e con certificado de calidade gracias á Deputación e á nosa aposta pola rede InfoRías Baixas”.

Referiuse ademais á avenida de Portugal, “pola que levabamos 30 anos agardando”. “Iso non é a entrada nin a saída de Galicia con Portugal, é o ámbito patrimonial no que está unha das fronteiras históricas de Europa”, recordou. Unha vez que rematen os traballos previos cos servizos de auga e saneamento comezarán as obras, gracias tamén ao Goberno de España, destacou “e saldarase outra débeda histórica con Tui”.

Cabaleiro afirmou sentirse “incómodo coas alabanzas, porque un alcalde non está para iso, senón, en todo caso, para agradecer a confianza que lle dá a xente; ante todo compartimos o orgullo de ser tudenses”. Afirmou que, a pesar duns “comezos moi difíciles e repletos de adversidades en 2015”, “as cousas melloraron moito”, pero tamén ten moi claro que «non aspira a nada máis que a defender os intereses da veciñanza”. “Nada é posible sen a implicación da cidadanía”.