O candidato a alcaldía ás vindeiras eleccións municipais por Movemento Oia, Xoán Lois Vila, concedeu unha entrevista no que afonda na súa vida política.
¿Algo de ti Lois?
Ola, non nacín en Oia, pero fai moitos anos que son veciño de Pedornes. Actualmente son concelleiro. Durante estes últimos catro anos formo parte da corporación municipal do concello de Oia como concelleiro independente do Grupo Mixto, facendo unha oposición sensata e construtiva para o noso concello.
Sempre defendín que Oia é un paraíso natural polo clima, a fauna, a natureza o mar e a montaña. O difícil de Oia é a falta de alternativas laborais, é unha cuestión que podemos reverter se os oienses nos apoian.
¿A que te adicas profesionalmente?
Levo gran parte da miña vida laboral dedicado ao comercio exterior no sector da pesca así mesmo son extractor de percebe e tamén me dedico profesionalmente ao sector cultural en Galicia.
¿Como te metiches en política?
Polas miñas inquietudes políticas e culturais e a necesidade de oposición en Oia, participei nas anteriores eleccións, fun primeiro de listas abertas como independente co BNG, onde saín elixido e entrei no Grupo Mixto municipal.
Consideraron non pactar co PSOE, houbo algunhas discrepancias, e á metade de lexislatura crebouse a confianza. Continuei no Grupo Mixto como independente e a partir de aí un grupo de veciños animoume a seguir traballando por Oia e crear Movemento Oia e adscribíndonos ás mareas municipalistas.
¿Movemento Oia pertence a En Marea?
Si, Movemento Oia é unha asociación que se integra nas mareas municipais. En Marea é a segunda forza política do Parlamento galego que toma iniciativas e expón unha oposición eficaz no mesmo.
A vantaxe de En Marea é que dá liberdade ás mareas locais, que equivalen aos círculos de Podemos, para que fagan o que entendan que é mellor para as persoas e a cidadanía nos seus concellos. Grazas a esta labor conseguiuse levar ao Parlamento asuntos relacionados entre outros co saneamento, o Camiño de Santiago e o Mosteiro de Oia.
Polo cal a propiedade comeza a cumprir a Lei de Patrimonio permitindo as visitas públicas entre outras cuestións despois de dous anos.
¿Que lectura sacas das eleccións xerais do 28A?
Movemento Oia é unha asociación, non entramos nesas estratexias que lle compete á coordinadora de En Marea. A miña opinión a título persoal é que foron unhas eleccións nacionais onde Villares non tivo a visibilidade mediática que tivo Pablo Iglesias, que veu varias veces a Galicia porque se xogaba moito.
En Movemento Oia temos afíns a Podemos, Anova, Esquerda Unida, etc. e o obxectivo e os fins son os mesmos.
¿Que ofrece Movemento Oia?
O noso ADN é traballar polas persoas e ser honestos. Movemento Oia realizou oposición dende hai dous anos. Houbo unha moción de censura porque o PSOE non conseguiu pactar con Converxencia e déronlle un cheque en branco á alcaldesa do PP. Agora daranlle un cheque en branco ao PSOE.
Nós temos un programa e criterio, acordar e chegar a acordos polo beneficio da veciñanza é o labor dos políticos.
¿Que expectativas tes para Oia?
Evidentemente, temos que sacar ao Partido Popular e ao clientelismo das institucións. Dependerá da forza que teñamos e a confianza que nos dean os votantes.
Nós imos de fronte, de feito hai algúns temas espiñentos como o asunto do Mosteiro onde ao PSOE interésalle o servilismo de Converxencia. Pero pola nosa parte non hai nada insoldable se hai vontade.
Apoiamos ao resto de partidos e incluso ao Partido Popular, cando o que se expón é en beneficio de Oia, e se é coherente cos nosos principios apoiamos todas as iniciativas que beneficien ás persoas e aos habitantes de Oia.
¿Táchanvos de radicais en Oia?
Se é radical pedir que o concelleiro de medio ambiente pague a taxa de lixo do restaurante que rexenta como lle corresponde, si somos radicais.
Se se precisa unha normativa, competencia do Concello e presentámola aínda que non contemos co apoio doutros partidos, somos radicais. Se denunciamos que as depuradoras non funcionan, somos radicais.
Acúsannos de radicais por esixir que se cumpra a Lei, cando denunciamos que o Concello da prioridade aos amigos. Non somos os culpables da inoperancia do actual goberno municipal que só sabe facer festas feito que aplaudimos pero que non solucionan os problemas dos veciños.
Como somos dos poucos que facemos oposición sinálannos como radicais. Denunciamos o clientelismo e as ameazas. Quizais eu, persoalmente, son un pouco vehemente, ninguén é perfecto.
En todo momento realizamos unha oposición responsable en defensa dos veciños. En MovementOia pódense ver os plenos e as nosas propostas.
¿Que proxectos ten Movemento Oia?
Oia é un paraíso natural que debemos de preservar. Hai moito potencial para poñer en valor tódolos recursos naturais e de patrimonio, fomentar un turismo sustentable que cree riqueza e fixe poboación. Temos problemas de infraestruturas moi importantes para o desenvolvemento local como son a escaseza de auga e falta de saneamento, problemas de servizos, mobilidade, aparcadoiros e transporte público, etc.
En Oia hai moita xente maior, necesitamos un centro de día. Necesitamos ofrecer alternativas aos mozos. Apoiar ao deporte e aos clubs e asociacións que realizan actividades en Oia.
Queremos que tódolos cidadáns teñan os mesmos dereitos e que a nova administración goberne con equidade. Temos un gran programa e convidamos aos veciños a participar, somos un proxecto aberto. Se nos comparamos cos municipios limítrofes vemos que nos últimos trinta anos en Oia non se fixo case nada e hai moito tempo perdido que debemos recuperar.
¿Que lle diría aos cidadáns para que voten a Movemento Oia?
Que voten con responsabilidade, hai moito en xogo, nós dicimos as cousas claras, argumentamos, documentamos e presentamos as nosas propostas.
O traballo realizado durante estes anos está aí e pódese seguir na nosa páxina web e redes sociais. Movemento Oia é unha plataforma aberta onde poden participar os veciños e achegar as súas inquedanzas, ideas e propostas.
Queremos que o Concello sexa un Concello de todos e para todos, onde as persoas sexan o primeiro.
¿Como afrontas as discrepancias co BNG?
Eu nunca fun afiliado do partido, neste caso eu era independente e presenteime en listas abertas. E nunca pretendín ceder o meu escano a outro partido por intereses políticos ou persoais durante a lexislatura. Na actual lista o BNG levan mais de 6 independentes.
Sempre pertencín ao Grupo Mixto Municipal e Movemento Oia creouse despois de deixar a confianza política no BNG, co obxectivo de cambiar as cousas en Oia, sen o BNG. Como asociación tiñamos que crear outro partido e preferimos a opción de apoiarnos nun partido afín que ten representación parlamentaria e nos dese liberdade municipalista e ese é En Marea.
Dende que continuei no Grupo Mixto, dediquei tempo a facer oposición e a dialogar propostas en Oia, non hai táctica electoral nin intereses partidistas, como fan o resto dos partidos municipais.