A Asociación Érguete Baixo Miño informa que durante os meses de xullo e agosto, porase en marcha o programa Cambio de Sentido, sobre a prevención do consumo de alcohol e outras drogas na condución de vehículos, de maneira gratuíta, nas principais autoescolas da Comarca.

Trátase dunha iniciativa dirixida aos mozos de idades comprendidas entre os 18-25 anos e que se atopan preparando para sacar o carné de conducir.

O taller desenvolverase polo persoal técnico cualificado, co que conta a Asociación, nas dúas autoescolas de A Guarda, autoescola Miño e autoescola Eli’s, así como tamén na autoescola Tomiño. Atópase financiado pola subvención da Consellería de Sanidade así como pola cota dos socios.

Algúns do principais obxectivos do programa son, incrementar a percepción de “vulnerabilidade persoal” na xuventude, derivada da condución dun vehículo tras consumir alcohol ou outras drogas así como tamén promover actitudes e condutas máis seguras e responsables na condución.

E de maneira máis específica, reforzar a motivación para evitar o uso do vehículo cando se superen as taxas máximas de alcoholemia permitidas.

Segundo a DXT (Dirección Xeral de Tráfico) no balance de accidentes ocorridos nas vías españolas durante o ano 2017, as distraccións, a velocidade inadecuada, o cansazo e o sono, o alcohol e outras drogas son os principais factores que aparecen nos accidentes mortais ou graves.

Desde Érguete Baixo Miño invitamos a que calquera persoa que teña dúbidas sobre condutas aditivas, precise axuda ou información na materia, veña ás nosas instalacións en r/Colón, nº20 (Edif. O Pescador 1º Piso) A Guarda, que será atendida polo persoal laboral técnico cualificado en prevención de condutas aditivas de maneira gratuíta.