Un centenar de nenos e nenas dos colexios públicos e do IES  de Tomiño, deuse cita esta mañá no Concello de Tomiño, no Pleno Infantil organizado polo Concello e Unicef Galicia para conmemorar o Día Universal da Infancia.

A sesión plenaria estivo presidida pola alcaldesa Sandra González, acompañada por Marisé Pérez de Unicef Galicia, as concelleiras de Educación e Mocidade, e outros membros do goberno municipal. En calidade de asistentes ao pleno, achegáronse representacións dos seguintes centros educativos: CRA (representación da escola unitaria da Aurora del Porvenir); CEIP Pintor Antonio Fernández (5º Primaria); CEIP de Sobrada (nenos/as de 5º e 6º Primaria); CEP Caselles (4º Primaria); CEIP de Tebra (2º Primaria); CEIP de Barrantes (5º Primaria) e IES Antón Alonso Ríos (alumnos de ESO).

Durante a sesión, os diferentes centros educativos foron expoñendo traballos realizados para a ocasión, nos que reclamaron os dereitos da infancia e da adolescencia a ser educados en igualdade, a crecer en paz, a ser consultados na toma de decisións políticas ou educativas que lles afecten; a ser ben tratados, a non ser utilizados polos adultos; a unha educación pública e gratuíta de calidade, á liberdade de expresión, de vestimenta, de relixión, etc.

Os políticos agradeceron e tomaron nota das peticións, animando ao alumnado a participar na toma de decisións e a facerse escoitar, a través dos canles representativos existentes, coma o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño.