ALFREDO

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos de tres horas as 25 prazas dispoñibles para a primeira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” 2019 polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, que se desenvolverá o 20 de xaneiro.

Trátase dunha iniciativa para achegar ao público interesado, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra, que a institución provincial ten en marcha en colaboración con SEO Birdlife.

Tras o éxito de “Voando nas Rías Baixas” o ano pasado, agora decidiuse aumentar a oferta e incrementar ata 5 o número de prazas dispoñibles con dúas rutas ornitolóxicas máis que en 2018.

Ás nove da mañá de hoxe abriuse o prazo para esta primeira ruta, polo Val Miñor e o Baixo Miño, que pouco antes das 12 xa tiña as súas 25 prazas cubertas. Esta ruta ornitolóxica vaise desenvolver o próximo 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, unha zona protexida pola Rede Natura 2000 e cunha gran variedade de aves palustres.

A duración de cada unha das rutas de “Voando nas Rías Baixas” é dunha mañá e durante a actividade, as e os participantes estarán acompañados/as de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición, de xeito gratuíto, o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.