Espazo Lectura

A asociación Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, celebra a Semana do Libro e a Lectura do 18 ao 27 de abril en distintos emprazamentos, con motivo do Día do Libro. O acto central desta programación especial será o XVII Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta, que terá lugar o domingo, 21 de abril, na Cafetería Keik, de 12:00 a 14:00 horas.

O obxectivo desta xornada, aberta ao público e na que participarán ao redor de 25 persoas, é conmemorar o Día do Libro lendo distintos fragmentos representativos para os oradores e que sirvan como recomendación literaria para os presentes.

A Semana do Libro e a Lectura comezará o xoves, 18 de abril, ás 20:00 horas cunha sesión especial do club de lectura Sete Vidas, que contará coa presenza de Pedro Feijoo, autor de Ninguén contará a verdade, Premio Xerais de Novela 2023. O sábado, 20 de abril, ás 11:00 horas, o escritor realizará unha visita guiada pola Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. As prazas para participar nesta actividade xa están esgotadas.

No marco da actividade do Contomar, o luns, 22 de abril, ás 18:00 horas actuará Brais das Hortas con Consertasso na horta na Praza Rosalía de Castro de Gondomar. Se as condicións climatolóxicas son desfavorables, o concerto trasladarase á Biblioteca Municipal. O martes, 23 de abril, ás 20:00 horas terá lugar unha sesión compartida dos clubs Lecturas debuxadas e Daquelas que len, na que se afondará no libro Mi vida sin rosa (Fandogamia), de Lizth Bianc.

O mércores, 24 de abril, ás 18:00 horas, organizarase un Menú de contos para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos na Casa da Lectura de Donas. O venres, 26 de abril, ás 18:00 horas e no mesmo emprazamento, celebrarase unha sesión especial de Contos en cueiros, dirixida a bebés de 0 a 3 anos, co espectáculo Ollo piollo: contos para contar e cantar, de Chus Álvarez, e na que é necesaria inscrición previa.

A programación da Semana do Libro e a Lectura rematará o sábado 27 de abril con tres actividades. No club Lendo contigo abordarase a lectura do texto teatral Contra o reloxo (Galaxia), para o que se contará coa presenza do seu autor, Carlos Labraña. Será ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Ás  17:00 horas, organizarase, en colaboración co Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán, un contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, na sede desta asociación, sita na antiga escola unitaria de San Cibrán, na parroquia de Donas. Para pechar a xornada, o Comando Le, recibirá un obradoiro na Casa da Lectura de Donas ás 20:00 horas para aprender a dinamizar actividades infantís.