Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía VictorianoTaibo
Laura Ramos, galardonada co Premio Vitoriano Taibo de Poesía

Este sábado, ás 20:00 horas, o auditorio Lois Tobío de Gondomar, acollerá a entrega do XI premio Vitoriano Taibo de poesía a Laura Ramos Cuba, pola súa obra “A situación actual”.

O acto está organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns. A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra.

No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.