Continuando coa programación cultural de outono, organizada polo Concello de Tomiño, o vindeiro sábado, 17 de novembro, chega ao Auditorio de Goián, a obra “Fillos do sol”, un espectáculo teatral de Contraproducións, sobre a figura da Educardo Pondal e a súa obsesión pola obra que lle ocupou toda a súa vida coma escritor: Os Eoas.
Dacabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, Pondal, xa octoxenario e comido pola neurosis dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nado da súa perturbación, e a nova criada da pensión na que está albergado.
En palabras de Cándido Pazó, escritor e director desta obra, os actores e a actriz de Fillos Do Sol (César Cambeiro como Don Eduardo, Adrián Ríos como Eduardo, e Alba Bermúdez como Rosa) “son moi boa xente, intérpretes de grande solvencia e excelentes profesionais. Merecen, polo tanto, que lle pasen cousas boas”.
A función será ás 22.00 horas, podéndose comprar a entrada (3 euros) dende unha hora antes, en taquilla. Recomendada para persoas maiores de 12 anos.