Eu Rural arranca o ano cun curso de escaparatismo e paquetería comercial en Tomiño

A Escola Eu Rural comeza o 2019 cun novo curso de formación en Tomiño. Dende hoxe e até o 30 de xaneiro, a vila acolle o “O ben feito, ben parece”, unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020), e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas a todas as persoas para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos.

Centrado na comercialización de produtos, do sector primario e outros, este curso de 36 horas de duración, impártese na Casa da Cultura de Tomiño os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 20.30 horas.

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así cómo a calquera persoa interesada, este curso ten coma fin servir de ferramenta para que o alumnado, adquira coñecementos vencellados ao escaparatismo, presentación do produto, paquetería comercial e visual merchandising. Ao longo da formación, as persoas adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta os puntos de atracción visual e o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio, para visibilizar os produtos e favorecer as compras.

Entre as persoas anotadas, atópanse algunhas que xa teñen negocios e outras entre as que hai futuros emprendedores, mozos e mozas en busca de formación específica relacionada co comercio, persoas que traballan dende casa e venden a través de internet, etc.

Patricia Maquieira, monitora do curso explica que a idea é que aprendan nocións básicas sobre escaparatismo e logo aplicalas; para os que teñen tendas será máis fácil facelo, e para os que non, poderán aproveitar a experiencia dos seus compañeiros e compañeiras. Nas primeiras clases comezan a manexar termos como decoración estacional, escaparates creativos, reclamos ou diferencia entre os produtos de tempada e os que non o son. Uns a outros se dan consellos sobre como decorar mellor o seus escaparates ou expoñer os produtos de maneira máis atractiva, sen gastar moito diñeiro.

Tomiño é o terceiro municipio en acoller unha nova acción de ‘O ben feito ben parece’, que arrancou en A Guarda en maio e xuño de 2018, e que celebrou unha edición máis en Nigrán en setembro do mesmo ano.