A Xunta vén de resolver as axudas para apoiar nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio. Tal e como destacou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano 58.200 euros para seguir impulsando a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia na comarca do Baixo Miño.

Con esta iniciativa, apóiase a contratación e o mantemento de 5 axentes especializados na promoción do emprego. As axudas repartíronse entre os concellos de Tomiño, A Guarda, Tui, Rosal e Oia.

Cores Tourís destacou que o obxectivo desta actuación é “contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social”.

O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

A contía máxima dos apoios que se concederon por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tívose en conta a media de paro rexistrado no ano 2017 no concello que solicitou o apoio.

Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.