Benito Pousa

O partido socialista de Tomiño está de loito. José Benito Pousa Vicente (Forcadela 01-07-1950), un dos fundadores da Agrupación Socialista, faleceu hoxe aos 71 anos. Con tal motivo, o partido dedícalle unhas palabras.

In Memoriam

Compañeiro, amigo, confidente, mestre…

Difícil atopar as verbas axeitadas cando os sentimentos non as deixan fluír.

Foste un dos fundadores da Agrupación Socialista de Tomiño, que hoxe, coa túa partida queda máis orfa. Socialista de RAZA, que te emocionabas cada vez que soaba o himno do teu querido PSOE, traballador incansable a prol do ben común e fero loitador contra as inxustizas sociais.

Concelleiro de educación no primeiro mandato da democracia en Tomiño, e é de xustiza lembrar e poñer en valor que foste ti, quen impulsou e puxo en marcha a educación infantil de 3 a 6 anos en todas as parroquias do noso Concello.

Ex traballador de Barreras e como non, sindicalista activo e  comprometido da UXT.

Fundador da Asociación de Pescadores do Baixo Miño, porque xunto ao socialismo, a túa outra gran paixón foi o Pai Miño. Deféndeste e loitaste coma ninguén pola supervivencia das artes de pesca tradicionais no noso río, que tan vital foi para moitas familias…

Benito Pousa, es dos que loitan toda a vida, es un imprescindible. Es alegría, es xenerosidade, es constancia es entusiasmo, es traballo… Pero por riba de todo es LEALDADE con maiúsculas , leal ás persoas, ó partido, a ti mesmo e ós teus principios. Debémoste moito e levarémoste sempre no noso corazón.

As e os socialistas de Tomiño estamos rotos de dor e abrazamos a súa familia con todo o noso agarimo.

Que a terra te sexa leve.

Socialistas de TOMIÑO