A concelleira socialista da Guarda, Fátima Rodríguez, foi elixida como coordinadora do PSdeG-PSOE na comarca do Baixo Miño durante a xuntanza celebrada onte en Tui e presidida polo secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades.

O nomeamento supón un paso máis para completar o proceso de constitución das coordinadoras comarcais, un dos eixos organizativos da nova etapa aberta tralo Congreso Provincial celebrado o pasado mes de maio. A elección de Rodríguez representa unha aposta pola renovación, o reforzo da coordinación interna e a posta en valor da acción política comarcal, co obxectivo de que o PSdeG-PSOE siga sendo un referente no Baixo Miño.

O PSdeG-PSOE comezou a deseñar as liñas mestras para pelexar nas urnas as alcaldías de Oia, O Rosal e Tomiño, así como a volta a gobernar na Guarda, onde o deterioro na xestión municipal é evidente. Asemade, expresouse a confianza de que, no caso de Tui, vaise recuperar a maioría absoluta, recollendo os froitos do traballo que están a desenvolver Enrique Cabaleiro e o seu equipo.

Na asemblea participaron tamén destacados representantes socialistas da comarca, como o propio alcalde tudense e as concelleiras Ana Núñez e Sonsoles Vicente; os secretarios xerais e de Organización da agrupación de Oia, José Miguel Sánchez e José Ignacio Trajahola; a secretaria xeral de Tomiño, Violeta De Santiago Moure; a secretaria xeral da Guarda, Bárbara Domínguez xunto coa nova coordinadora comarcal, Fátima Rodríguez, ademais doutras compañeiras e compañeiros do Baixo Miño.

Fátima Rodríguez comprometeuse a liderar esta nova etapa “con responsabilidade, compromiso e ilusión”. Subliñou que “o Baixo Miño é unha comarca onde o socialismo demostrou que gobernar con responsabilidade, estabilidade e proxectos sólidos a prol da xente”. Engadiu que é “unha honra e unha gran responsabilidade asumir a coordinación dunha das comarcas con máis forza política e institucional”.

David Regades, destacou que este proceso responde á vontade de construír “un PSdeG-PSOE máis cohesionado, mobilizado e próximo ao territorio”, co obxectivo de recuperar o goberno da Deputación de Pontevedra.

O Baixo Miño é unha etapa máis no proceso de nomeamento dos coordinadores comarcais que xa se produciu no Morrazo, Vigo e Arousa nas últimas semanas e se completará con Pontevedra, Condado-Paradanta e o Deza.