Xa está dispoñible en Youtube o videoclip de ANGULEELE, a canción de ZETAK e Fillas de Cassandra na que fan un chamado contra a violencia sexual en galego e euskera. O tema, que supón a primeira colaboración de María SOA e Sara Faro co navarro Pello Reparaz, forma parte do novo álbum de ZETAK, nomeado AAZTIYEN, e que se publicou o pasado mes de decembro.
ANGULEELE é un chamado contra a violencia sexual e contra a aprendizaxe do sexo a través da pornografía. Ambos proxectos musicais, que desde a electrónica confrontan e axitan elementos da tradición, xúntanse vestidos de ‘mamuxarros’ (personaxes do entroido de Unanua) para criticar, a través de dúas linguas, a dominación sexual exercida sen previo consentimento. “Sei ben de foder con rabia / como de morrer fodendo / Pero nunca abrir feridas / nun corpo ao que non pertenzo”, canta Fillas de Cassandra.
O inicio desta relación entre ambos proxectos musicais terá continuidade proximamente, xa que o vindeiro mes de abril (o sábado 13) Fillas de Cassandra visitará Euskal Herria para participar, por vez primeira, no ZEIDFEST GAZTEA. O directo no Bizkaia Arena será unha das primeiras citas ao vivo que Fillas de Cassandra ofreza neste 2024. Alén do concerto de presentación das Últimas Dionisíacas no hall do Auditorio Mar de Vigo o vindeiro 16 de febreiro -cuxas 1.400 entradas se esgotaron en menos de 10 días-, Sara Faro e María SOA actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) ou en festivais como Ourensound e Ortigueira, entre outros.