“O primeiro que debemos facer ante un neno ou unha nena obeso é non discriminalo, non culpabilizalo, non estigmatizalo e ser empáticos”. Así comezaba o dietista-nutricionista Julio Basulto a derradeira xornada da VII Semana da Educación de Tomiño, un broche de ouro único ante o numeroso público do auditorio de Goián. “Este éxito anímanos a preparar xa as conferencias do ano que vén, e vai ser un gran reto superarnos día a día para que estas charlas vos gusten e saquedes delas bos consellos e aprendizaxes”, destacou a alcaldesa, Sandra González.

“Hoxe falamos de alimentación, un tema que nos preocupa moito tamén a nivel municipal, xa que Galicia ten unha das taxas máis altas de sobrepeso e obesidade infantil de España e iso é algo que podemos mellorar dende as institucións e as familias. Cadaquén no que poidamos temos que colaborar para evitar que por primeira vez na historia da humanidade os nosos fillos e fillas poidan ter peor calidade de vida que a dos seus pais e nais”, recalcou.

Uns índices sobre os que tamén falou Julio Basulto que salientou que “a obesidade, como a xordeira, non se elixe, senón que o 70% é xenético e hai moitos factores que multiplican por moito o risco de padecer obesidade”. “A perfección non se acada cando non queda nada que engadir, senón cando non queda nada que quitar. E eu non sei o que hai que comer, pero si o que debemos de eliminar. Non se trata de comer ben, senón de deixar de comer mal”, explicou.

Para este docente e divulgador, as claves de educar dende a mesa pasan por 10 pasos que se deben evitar: non converter a hora da comida nunha batalla, non sermonear aos nenos e nenas “sobre cousas que moitas veces descoñecemos”, non comer co móbil na man e apagar a televisión “e mirar aos nosos fillos e fillas”, non chantaxear nin ameazar, non mentir con cuestións nutricionais, non prohibir cociñar aos máis pequenos e pequenas e, por suposto, non pertencer ao club do prato limpo e deixar que fillos e fillas coman o que precisen, “porque o apetito dos nenos e nenas é como o pestaneo, errático e impredecible, só o teu fillo ou a túa filla saben se esa semana teñen que crecer moito ou non”.

Cun tema que tanto preocupa a pais e nais, Julio Basulto tamén deixou ao público as súas recomendacións para que os e as adultas do mañá teñan mellor saúde e máis gañas de vivir. Así, salientou a importancia de evitar ser autoritario, xa que os estudos aseguran que “multiplica por 5 o risco de obesidade” e comer en familia, algo que “diminúe escandalosamente o índice de trastornos alimentarios, de obesidade, de fracaso escolar…”. “Os nenos e nenas que comen na escola comen mellor que os que fan na casa, aínda que os que comen na casa de maiores aliméntanse mellor. Por que? Porque a clave non está en que de pequeno ou pequena coman ben, senón en que coman en familia”, explicou.

A relevancia da lactación materna o tempo que nai e fillo ou filla queiran, non negar porque “prohibir é espertar o desexo”, non ter bebidas azucradas en casa nin ofrecerlles azucre e ter dispoñibilidade no fogar e dar exemplos como pais e nais foron outras das claves que ofreceu ao público Basulto, cunha dilatada carreira ás súas costas como docente, relator en conferencias sobre nutrición pediátrica, escritor de numerosos libros e participante como revisor na última guía da alimentación infantil da Generalitat de Catalunya centrada na etapa escolar.