O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta do arquivo por parte da fiscalía de dúas denuncias interpostas polo concelleiro da oposición, Laureano Alonso.
O alcalde compareceu en calidade de investigado ante a Fiscalía o pasado 16 de maio logo de ser aceptada a solicitude de facelo antes de data prevista (23 de maio).
A primeira denuncia presentada refírese á xestión de residuos da apertura da rúa Ourense, na que se solicitaba a investigación da retirada por parte da empresa adxudicataria da pedra dos inmobles expropiados para a apertura da rúa Ourense. Sobre esta denuncia a Fiscalía dita un decreto de arquivo xa que non percibe ningunha actuación constitutiva de delito. Apuntaba Padín, que se axustaron o proxecto do goberno anterior, agora na oposición, polo que “de haber algún erro nese procedemento de licitación, sería derivado do proxecto que o goberno do propio denunciante visou no ano 2016”.
Por outra banda, daba conta tamén do arquivo da denuncia pola contratación dun asesor externo de urbanismo. O informe da Fiscalía di que é coñecedora do colapso na resolución de expedientes na área de urbanismo do Concello de Tui e que a contratación do asesor cumpre os requisitos esixidos na Lei de Contratos de Sector Público, no que ademáis se inclúe un compromiso de confidencialidade.
Padín manifestaba na rolda de prensa desta mañá con respecto a intención desas denuncias que “non se pode manchar o nome dunha persoa con esa facilidade e lixeireza”.