Gastronomía, música, deporte, natureza… son parte dos ingredientes que terá o sábado, 18 de agosto, a VIII Festa do Miño. Un evento que foi presentado esta mañá na casa do concello de Tui polo  alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura e Deportes, Eduardo Freiría, o músico, Anxo Lorenzo, e os representantes das asociacións culturais Seixos Albos de Areas,  Lembranzas da Terra de Guillarei, Santiago de Malvas, Laxes de Paramos, Aloia de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Traxe Tradicional de Tui, Espenicelo de San Bartolomé, e San Telmo de Tui.

O río Miño en Caldelas e na rúa Olímpicos Tudense, e a rúa Lugo serán o escenario da VIII Festa do Miño que comezará cunha romaría popular en Caldelas, previa á saída ás 16:00 horas do Descenso Popular no que se baterá record de participación con 850 inscritos.

Ás 18.30 horas a cita estará na beira do Miño en Salvaterra, a carón da Ponte Internacional, onde se dará a saída do Descenso Internacional que reunirá a preto de 600 padeeiros que loitarán por facerse coa vitoria nesta proba destacada do calendario galego e levarse o trofeo obra do escultor Juan Oliveira.

Dende ás 20:00 horas a cita estará na rúa Lugo coa VIII Festa Gastronómica con 24 postos de comida e 6 de bebida a cargo das asociacións culturais Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Santiago de Malvas, Laxes de Paramos, Aloia de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Traxe Tradicional de Tui, Espenicelo de San Bartolomé, e San Telmo de Tui. Aos prezos de 1, 2 e 3€ ofrecerán petiscos tradicionais dende empanada de millo, a bocadillos, tortilla, pan de broa, paella, sobremesas caseiras… e coma novidade haberá tamén empanada e sobremesas veganas.

Ás 22.30 horas, Anxo Lorenzo ofrecerá, nas súas propias palabras “un concerto moi especial e único en Galicia” no que interpretará en primicia temas do seu novo traballo “Vortex” , cuxa presentación oficial non será até setembro.

Programa

  • 12.00 h Inicio da VII Romaría Popular na ribeira de Caldelas. Xantar Campestre
  • 16.00 h Saída do VIII Descenso Popular do Miño dende a ribeira de Caldelas. +info www.kayaktudense.org
  • 18.30 h Saída do XLVII Descenso Internacional do Miño dende Salvaterra
  • 19.30 h Chegada do Descenso Internacional do Miño fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses
  • 20.00 h VII Festa Gastronómica na rúa Lugo. 24 postos de comida e bebida
  • 20.30 h Entrega de premios do XLVII Descenso Internacional do Miño
  • 22.30 h Concerto de Anxo Lorenzo Band na rúa Lugo 8 de setembro, de 2018