Carlos Gómez Prado, en compañía dos concelleiros en funcións Óscar Martínez, Andrea Pérez e Rosa Domínguez, supervisaron hoxe as obras do novo paseo Pinzón de Baiona e do segundo tramo da humanización da rúa Carabela Pinta, as dúas actuacións a piques de finalizar.
“Os veciños e veciñas de Baiona, así como os turistas que nos visitan, terán á súa disposición para o verán un Pinzón completamente renovado e unha rúa Carabela Pinta na que medran os espazos de preferencia peonil, dúas obras fundamentais para a nosa vila coas que pechamos estes catro anos”, sostén Gómez Prado.
“Era o noso compromiso de goberno e cumprimos, rematar estas dúas obras tan importantes antes da tempada de verán”, engade o alcalde en funcións, lembrando “o voto en contra do PP ao investimento para renovar o Pinzón”.
O novo paseo Pinzón, cun investimento de 1.280.973 euros, servirá para poñer en valor o balcón litoral de Baiona. «Será o gran espazo de lecer da vila, un lugar máis accesible para todos«, afirma.
A actuación na rúa Carabela Pinta, cun orzamento de 285.000 euros, «impulsa a mobilidade e a accesibilidade do tramo, recuperando espazos para os peóns cunha solución de plataforma única», remata.
