Gondomar acolle unha mostra sobre a evolución da cultura galega na diáspora durante a ditadura

A exposición ‘GalizAmérica’, unha mostra itinerante sobre a evolución da lingua e a cultura galega na diáspora nos anos da ditadura abriu hoxe as súas portas no Centro de Estudos Miñoranos de Gondomar.

No acto estiveron presentes o deputado Xosé Leal, representantes do Concello, o presidente do Instituto de Estudos Miñoranos, e unha das comisarias da mostra, Carmen Carreiro, así como a profesora Pilar Cagiao, que realizou un relatorio sobre ‘O galeguismo no Uruguai’.

O deputado Xosé Leal explicou que o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, organizador da mostra, decidiu levar adiante a iniciativa coa finalidade de facer unha homenaxe a todas as persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega durante a ditadura, sobre todo na América, que foi o facho “no que prendeu a nosa lingua”.

Leal lembrou que a Guerra Civil do 36, coa conseguinte derrota da República, levou a milleiros de galegos e galegas a un exilio que tivo unha grande relevancia a nivel cultural, xa que moitos dos mellores intelectuais refuxiaranse fundamentalmente nos países mais democráticos de América nese momento.

Esta concentración de intelectuais, entre os que se atopaban Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro, xerou unha actividade cultural intensa en diferentes eidos creativos con especial incidencia na edición, con centos de libros e diversas revistas. O deputado lembrou tamén que naquel entón creáronse no exilio programas de radio, impartíronse conferencias, deron inicio celebracións de días significativos como o día de Patria, ou abríronse escolas onde nenos e nenas aprenden galego.

Todo iso foi recollido na mostra, comisariada por Carmen Carreiro, deseñadora gráfica e fotógrafa que desenvolveu o seu traballo no eido gráfico e deseño, e por Ramón Nicolás, licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, profesor, escritor, crítico literario, director da colección Biblioteca das Letras Galegas de Xerais.

A exposición, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: un primeiro que relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión; o segundo apartado que corresponde á xenerosidade de América e céntrase no nacemento dos centros galegos e a súa función; e a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora que serían impensables na Galiza daquel tempo.

Como actividade complementaria, hoxe tivo lugar a conferencia da profesora e investigadora da Universidade de Santiago Pilar Cagiao sobre ‘O Galeguismo no Uruguai’, e o domingo 14 ás 19 horas proxectarase “A cicatriz branca” dirixida por Margarita Ledo, unha película de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega.

‘GalizAmérica’ iniciou a súa andaina no concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro, e continuará por Gondomar, do 5 ao 21 de outubro, A Guarda do 25 de outubro ao 10 de novembro, Redondela do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro.