Gondomar aproba as bases da convocatoria do procedemento selectivo para a configuración dunha lista de reserva para a provisión interina de prazas de Técnico de Administración Xeral por Resolución de Alcaldía, de data 18.12.2019, procédese á publicación das mesmas e á apertura do prazo, 7 días naturais, para a presentación de solicitudes a partir do día seguinte á publicación da presente convocatoria (a partir do luns 27 de xaneiro), acompañándose as Bases Reguladoras do proceso selectivo que son as seguintes:
A formación dunha lista de reserva para a provisión interina dunha praza e posto de técnico/a de administración xeral, integrada no grupo A, subgrupo A1, da subescala técnica da escala de Administración xeral, clase técnicos superiores.
Retribucións
As retribucións básicas serán as correspondentes aos funcionarios do grupo A, subgrupo A1 e as complementarias as que teña asignadas o posto de traballo para o que se lle adscriba na Relación de Postos de Traballo ou, no caso de que non exista posto de traballo na Relación de Postos de Traballo, as que se fixen no acordo de nomeamento que serán conformes a un posto equivalente na Relación de Postos de Traballo.
Requisitos xerais que deben acreditar as persoas aspirantes
As persoas aspirantes que participen neste proceso selectivo, deberán reunir, na data do remate do prazo para a presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou atoparse comprendido no eido de aplicación do artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.
b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación.
c) Estar en posesión do título de Graduado en dereito, ciencias políticas económicas ou empresariais, intendente mercantil ou actuario, ou estar en condición de obtelo na data de terminación do prazo de presentación de instancias. No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse pola persoa aspirante mediante certificado expedido polo organismo competente para establecelas.
d) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas asignadas ao posto.
e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares as que desempeñaban no caso do persoal laboral, no que se houbese separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin haberse sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.
f) Non estar incurso/a en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade sinaladas na lexislación vixente.
g) Ter ingresado a taxa por participación en proceso selectivo. A taxa será de 34,54 €, que se abonarán dentro do prazo de presentación de solicitudes mediante ingreso ou transferencia na conta bancaria de Abanca, da que é titular o Concello de Gondomar, número: * ES 17 2080 5035 07 3040011300.
Todos estes requisitos deberán cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.
Será nulo o nomeamento como funcionario/a interino/a dos que estean incursos en causas de incapacidade específica conforme a normativa vixente.
Máis info en : BOPPO