O Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) inician a semana do Día Mundial da Poesía reafirmando o seu compromiso coa literatura galega. A vila chega a esta data despois de pechar con éxito a última sesión do obradoiro poético vinculado ao Premio Victoriano Taibo, celebrada o sábado 15 de marzo. O certame, que xa vai pola súa XVI edición, consolidouse como un referente na promoción da poesía en galego e na creación dunha nova xeración de escritoras e escritores.
O obradoiro, organizado polo grupo PUGA (Promoción do Uso do Galego), co firme apoio do Concello de Gondomar, contou coa dirección de Antón Blanco Casás, gañador da última edición do premio co seu poemario Bosque. Durante varias semanas, as e os participantes de lugares como Teo, A Baña, Tomiño, O Porriño, Soutomaior, Ponteareas, Pontevedra, Vigo, Nigrán e Gondomar, entre outros, afondaron no proceso de creación poética, enriquecendo así a tradición literaria da comarca.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, destaca a importancia do Premio Victoriano Taibo como un motor cultural para o municipio, subliñando o seu papel na dinamización da poesía e da lingua galega.
Grazas a iniciativas como esta, Gondomar consolídase como unha vila de referencia para a poesía en Galicia, contribuíndo a manter vivo o legado literario do escritor e profesor Victoriano Taibo e garantindo que novas voces sigan a florecer no panorama literario galego.