FOTO IEM // Chaín

A Concellería de Turismo do Concello de Gondomar ven de publicar un pormenorizado traballo de recollida da toponímica das parroquias de Chaín (711) e Vilaza (438).

Coa subvención da Deputación de Pontevedra ao traveso do seu Programa de Normalización Lingüística, e realizado baixo a dirección do Instituto de Estudios Miñoráns, o traballo recolle e localiza lugares que eran utilizados polos veciños e que agora caeron no esquecemento, como a localización do que eran as antigas escolas para nenos (situadas en casas naquela época, hoxe na súa maioría reformadas e convertidas en vivendas); os lugares dos xogos de bolos; antigos pozos, presas e fontes; camiños…

Documéntase tamén os recordos dos veciños, a historia da parroquia. Comentar tamén que os barrios actuais son máis extensos que os antigos, é dicir, cada un dos barrios agora recolle o que antigamente eran varios. Había máis barrios, o que significaba necesariamente máis topónimos.

As toponímias, e outras nomenclaturas locais, moi curiosas algunhas, son unha das variables da riqueza patrimonial que os pobos van acumulando ao longo dos séculos. Con este traballo, o Concello tenta que non desaparezan e que pervivan no tempo.