A poetisa Rosalía de Castro

O 24 de febreiro, as galegas e galegos celebramos o “Día de Rosalía”, efeméride do nacemento de Rosalía Castro, a escritora máis representativa das letras galegas e unha das referentes da literatura universal de todos os tempos. A súa obra e pensamento asumiron a voz do noso pobo, reclamando a redención da patria galega, a reivindicación do idioma propio, a denuncia da emigración ou da discriminación da muller.

«Neste día, o BNG chama a toda a veciñanza de Gondomar, e en especial á comunidade educativa, a participar en actividades e actos que fagan cada vez máis visible a figura de Rosalía en todas as súas facetas, incidindo na clara vixencia dos seus diferentes discursos e na importancia das súas reivindicacións na actualidade. A difusión e o coñecemento da súa obra son necesarias para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural«.

En cumprimento do apoio unánime da Corporación á moción presentada polo BNG no pleno municipal, o este luns 24, ás doce do mediodía (no entorno do antigo matadoiro) realizarase en Gondomar unha lectura pública da obra rosaliana. «Dende BNG animamos a participar a veciñas e veciños».