Tras dun ano de intenso traballo de recollida de excelente material audivisual, a empresa Ollomol audiovisual en colaboración coa asociación O Fallado da Memoria , ven de entregar á Concellalía de Turismo, o seu documento: Gondomar “O ton da auga, o son da pedra”.

No vídeo plásmase a múltiple efervescencia creativa dun concello vital, simbolizada pola potencia e a beleza dos cabalos salvaxes ceibes que surxan os seus montes.

Rescata a un Gondomar diluído no Val Miñor, para darlle un protagonismo activo, unha singularidade con forte personalidade en temas como a paisaxe, a arte románica, os petroglifos, os castros ou os pazos.

Unha forma de vida onde os deportes no medio natural, ás festas tradicionais e gastronómicas ou os curros danlle un alma máxica a este Gondomar- amante da liberdade no medio natural, da calidade de vida residencial e da vida sosegada- que fai fronteira con urbes industríais ou con vilas con turismo de praia intensivo.

A pedra cultivada para a arte dende lonxanos períodos históricos e a auga que abroia polos ríos Miñor, Morgadáns ou Zamáns, proveniente de multiples cursos de auga, que sinalizan tesouros forestais de bosque atlántico, resumen o espírito de Gondomar no vídeo que leva por título: “O ton da auga, o son da pedra”.