O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou hoxe a Feijóo de empregar a atención telefónica para “intentar agochar a saturación preocupante na atención primaria no noso país”. Así o dixo no transcurso dunha visita ao Centro de Saúde do Val Miñor, hoxe en Nigrán xunto co alcalde desa localidade, Juan González, e os de Baiona, Carlos Gómez, e Gondomar, Paco Ferreira.

Caballero referiuse ás cifras feitas públicas onte pola secretaria xeral da Consellería de Sanidade no Parlamento, que respondendo a unha pregunta do Grupo Socialista recoñeceu que só había un 30 por cento de citas presenciais, e o resto eran atendidas por teléfono. O líder dos socialistas galegos sinalou que “non podemos permitir que utilicen a telemedicina para agochar o fracaso da xestión do PP na sanidade pública”.

Ao derivar a inmensa maioría das citas á vía telefónica, dixo, “agochan os problemas de saturación, de falla de persoal e de listas de espera”. Todo isto despois dun verán no que se evidenciaron esperas de 26 días para a cita co médico de cabeceira en determinadas áreas sanitarias, 18 días máis que antes da covid para quirófano e 8 días máis para especialista na media de Galicia.

Ademais, explicou que a cidadanía de Galicia necesita e merece ter unha atención presencial acaída, mentres o conselleiro de Sanidade recoñece que “a Xunta nin ten respostas nin ten propostas” e mentres en “cada bisbarra hai un descontento crecente coa sanidade pública”. Neste punto, Gonzalo Caballero acusou ao goberno galego de deixar sen cubrir as xubilacións e as vacacións, mentres incrementan mes a mes a precariedade laboral dos profesionais da sanidade.

Fronte a iso, comprometeu que o PSdeG será “a barreira de contención fronte aos retrocesos que o PP quere para a sanidade pública galega”, e apelou á batería de propostas plantexadas polos socialistas galegos dende o Parlamento de Galicia, sinaladamente na comisión de reactivación.

En concreto, o máximo responsable do PSdeG recordou a petición de habilitar 5.000 novas prazas estables na sanidade pública ao longo da lexislatura, para “escapar” de situacións laborais como as de enfermeiros e enfermeiras “que chegaron a ter 30 contratos nun mesmo mes”.

En contraposición, Gonzalo Caballero reivindicou o modelo do goberno veciño de Asturias, de “aposta pola sanidade pública e os profesionais sanitarios” fronte a unha Xunta que “busca mecanismos de privatización e precarización”.

O Val Miñor

Así o dixo Gonzalo Caballero, acompañado dos deputados Julio Torrado, Leticia Gallego e Noelia Otero, na visita ao centro de saúde da Xunqueira, o que puxo como exemplo das consecuencias dos recortes e a falla de aposta pola sanidade pública do goberno do PP.

O Val Miñor, tal e como recordou, ve multiplicada a súa poboación no verán mentres se reducen os servizos sanitarios polas baixas sen cubrir, co que “a cidadanía desta área ten máis dificultades e peores prestacións das que lle corresponden”.

De feito, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, sinalou que o centro de saúde do Val Miñor tivo que atender á cidadanía, incrementada por un 95 por cento de ocupación turística, con tan só tres dos sete facultativos do centro de saúde pola negativa de Sanidade a cubrir as baixas. Dixo que esta situación “non se lle explicou á cidadanía, e tódolos sanitarios sufriron as consecuencias da mala xestión do PP”.

Gómez emprazou a establecer un “parapeto” dende o PSdeG e os gobernos socialistas do Val Miñor para “derrogar o modelo do PP que tanto dano estalle a facer á sanidade pública”. Chamou a “apostar de verdade polo público e non por privatizar un servizo que ten que ser un dereito fundamental para tódolos veciños e veciñas”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, puxo o acento no impacto das consultas telefónicas para unha poboación envellecida á que lle está “custando moitísimo achegarse a médicas e enfermeiras”. Apuntou á importancia “fundamental” de recuperar as consultas presenciais, “sobre todo para os nosos maiores”.

Asemade, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, denunciou a falla de persoal sanitario, así como de ambulancias, no territorio como o que abrangue o eixo Gondomar – Baiona – Nigrán, que pasa de 60.000 habitantes a superar amplamente os 100.000 na época estival. Esta situación precaria, dixo, “estase a prolongar demasiado no tempo”, cun Feijóo que “demostra que non lle preocupa a sanidade, logo de utilizala como estandarte”.

Tamén acusou ao presidente da Xunta de “utilizar a pandemia para escusar as súas deficiencias” mentres evita “plantarlle cara ao problema”. Ademais, advertiu de que “a telemedicina non funciona” e alertou fronte aos plans do PP para “entrar nunha economía de escala, abaratando a atención sanitaria e xeneralizando a precariedade laboral”.