O alumando de 3º a 6º de educación primaria dos colexios PP Somascos, Hnas. Carmelitas, A Sangriña e do Centro de Educación Especial San Xerome Emiliani, elaboraron durante a pasada semana un novo «Mural por Rosalía», no marco das actividades conmemorativas do 181º aniversario do nacemento da poetisa galega.

A pintura, localizada na rúa Vigo, elaborouse en dúas fases e contou coa colaboración de Inma Vicente como voluntaria. Ela foi a encargada de realizar o deseño primario do mural, trazando os versos e o nome da autora homenaxeada. Posteriormente, as cativas e cativos repasaron o deseño e contribuíron á súa decoración debuxando as siluetas das súas mans e coloreándoas, acompañadas dos seus nomes. O resultado é un mural colorido e de creación participativa, no que destacan os fragmentos do poemario de Rosalía de Castro e co que se honra a súa obra e figura.

Amais desta actividade, o alumnado dos primeiros cursos de primaria participaron na «Semana por Rosalía» elaborando debuxos orixinais inspirados en versos da poesía rosaliana. As creacións dos escolares poden verse no Centro Cultural, o Concello e a Praza de Abastos, ademais de en 14 comercios da vila, e permanecerán expostos ao público ata a vindeira semana.

A viaxe de Rosalía

As cativas e cativos continuaron sendo os protagonista no Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro. Así, o espectáculo de monicreques «A viaxe de Rosalía» ofreceu ao público familiar a posibilidade de achegarse á infancia da escritora dun xeito ameno e accesible, facendo uso das ferramentas de tradición oral. A función cativou aos asistentes, que amosou por voz da súa madriña, Francisca do Campo, as vivencias máis cotiás e entrañables da que chegaría a ser un símbolo da cultura galega.

As actividades enmarcadas na «Semana por Rosalía» completáronse cunha sesión de «Contos contados» dedicada á lectura da obra rosaliana na Biblioteca Pública Municipal e a difusión de fragmentos do seu poemario nas redes sociais, facendo uso do hashtag #Rosalíate.