Nuevo “faladoiro” del IEM con Felipe Bárcenas Varela
WIKIPEDIA // Un garrano en los montes de Galicia

Vénse de fallar o concurso de premios para vídeos de temática arqueolóxica promovido polo Museo de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra.

Nesta  primeira edición concorreron ao premio un total de 49 curtas, 25 e 24 respectivamente,  que participaron en dúas categorías: Lascas , para menores de 18 anos,  e Bifaces para maiores.

O IEM participou na categoría Bifaces cunha curta que non podía sobrepasar os 15 minutos, e que titulou Equus ferus atlanticus, logrando o segundo premio da categoría, despois da curta titulada “Os restos do pasado: unha viaxe pola Lanzada”, que se fixo co diploma e 3000€ de premio.

A curta do IEM, que foi presentada en colaboración con Arraianos producións e Zinemusic producciones, que se encargaron da parte técnica  e do son do vídeo, logrou 2000 € de premio que serán compartidos polas asociacións que colaboraron na realización.

A curta é un resumo breve dun traballo que o equipo do IEM vén realizando sobre o estudo dos garranos da Serra da Groba e a súa representación gráfica nos gravados rupestres que se teñen atopado na nosa contorna e na bacía do río Miño, tanto na beira portuguesa como galega.

Como traballo de curta duración e aínda en fase de investigación, no vídeo non se amosan tódalas representacións que se coñecen, nin algunhas novidades que o IEM ten pensado facer públicas en breve. Si se indica o gran valor que teñen os garranos como patrimonio natural e cultural, senlleiro das nosas terras do sur e do norte de Portugal, e dos petróglifos con  escenas de monta e caza de équidos que se coñecen e outros de novo descubrimento nos que hai patróns gráficos e estéticos novidosos no mundo da arte rupestre galega.

O IEM vai dedicar integramente a parte que lle corresponda do premio a investimento no patrimonio do Val Miñor e a seguir colaborando con Arraianos producións noutros proxectos sobre arqueoloxía e etnografía, para difundir e dar a coñecer a gran riqueza patrimonial que temos no Val  de Miñor e que en moitos casos está en perigo de desaparición ou de estragarse.

O IEM quere facer pública a colaboración desinteresada de persoas e de entidades que colaboraron para que este proxecto chegase a bo fin, e vai facer en próximas datas proxeccións e charlas explicativas coa  curta, para divulgar este rico patrimonio, ofrecéndoa en primeiro lugar aos colexios, institutos, a asociacións, comunidades de montes e outras entidades que amosen  interese polo  noso patrimonio.

Vídeo: