LOBOPARK (Antequera)

Os días 30 e 31 de maio celebraranse no IES A Sangriña as Xornadas de Medio Ambiente sobre O lobo e a xestión sostible do territorio.

As xornadas servirán como conclusión e presentación do proxecto interdisciplinar A pegada do lobo, desenvolvido ao longo do curso polo grupo de traballo formado por profesores e profesoras dos departamentos de Inglés, Administrativo, Educación plástica e visual, Lingua e literatura galegas e Bioloxía e Xeoloxía.

O equipo de profesorado, coordinado polo Xefe do departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Dr. Juan José Hermida Lago, participou en actividades formativas para mellorar as estratexias de traballo con grupos heteroxéneos, metodoloxías activas e avaliación por competencias. Ademais levou a cabo, co alumnado de 4º de ESO e Administración e Finanzas, traballos de planificación e investigación desde diversos enfoques (biodiversidade e patrimonio natural, ecoloxía lingüística e patrimonio cultural, creación artística, literatura galega e inglesa, arte e natureza, xestión sostible dos recursos do monte, etc.).

O mércores, 30 de maio, iniciará as xornadas o alumnado de 4º de ESO, que presentará os traballos realizados por eles ao longo do curso sobre o lobo e o patrimonio natural e cultural con el relacionado.

A continuación proxectarase o audiovisual A PEGADA DO LOBO.

Pechará as actividades do día 30 Fernando Javier Costas Goberna coa conferencia: “A fauna nos gravados rupestres do suroeste galaico”. Costas Goberna é membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses. Posúe un longo historial de investigación, tanto sobre a arte rupestre como sobre outros aspectos do patrimonio histórico e cultural con especial relevancia sobre elementos clave da nosa contorna coma o mosteiro de Oia.

O 31 de maio, ás 12.20 horas inícianse as actividades coa conferencia de Xosé Lois Vilar “Toponimia e patrimonio” . Xosé Lois Vilar, licenciado en Xeografía e Historia, é director da sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto de Estudos Miñoranos e membro da Asociación Galega de Onomástica. Realizou escavacións e estudos en numerosos xacementos arqueolóxicos de Galicia e Portugal. É fundamental o seu traballo como activista cultural e de defensa do patrimonio cultural e ambiental. Preside a Asociación de defensa medioambiental SOS a Serra da Groba. Conduce numerosas visitas guiadas aos petróglifos do sur de Galicia.

Pechará as xornadas Pedro Alonso coa conferencia “O lobo, e a xestión sostible do territorio”. Pedro Alonso é biólogo, naturalista e ecoloxista. En 1983 fundou a asociación ecoloxista “Erva”. En 1989 iniciou o seguimento dos grupos reprodutores de lobos do suroeste galego. Traballou na monitorización de poboacións de lobos en Galicia, Castilla-León e Castilla-La Mancha. Realizou traballos de asesoramento no Plan de xestión do lobo da Xunta de Galicia elaborando a estratexia de medidas preventivas de ataques á gandería. Actualmente colabora coa produtora audiovisual IBIS na rodaxe dun documental sobre o lobo e os pastores de ovellas nas montañas de Ourense.

Coa celebración destas xornadas pretendemos promover o respecto a un animal que ten un papel protagonista no noso patrimonio natural e cultural, que leva convivindo connosco desde as orixes da nosa historia. O descoñecemento, as falsas ideas e actuacións abusivas e agresivas por parte dos humanos levan á desaparición deste extraordinario animal nas paisaxes das que tradicionalmente facía parte pero esa destrución tamén acompaña a do noso patrimonio natural e cultural.Tanto o traballo desenvolvido ao longo do curso no instituto coma o coñecemento dos especialistas que ditarán as conferencias van encamiñados a lograr unha nova conciencia nos alumnos e alumnas, que logre evitar os comportamentos destrutivos e construír espazos de respecto e convivencia.

Os traballos realizados polo alumnado estarán expostos toda a semana no recibidor do instituto.