Inaugurada a Mostra «GalizAmérica» na Guarda

A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle ata o 10 de novembro a exposición «GalizAmérica», unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.

O pasado xoves o Centro Cultural de A Guarda acolleu o acto de inauguración da mostra GalizAmerica, que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do alcalde da localidade, Antonio Lomba, a concelleira de Cultura, Elena Baz e da comisaria Carmen Carreiro.

Esta exposición, de carácter itinerante, forma parte do programa de actividades do Ano da Lingua da Deputación e fai un percorrido pola evolución da lingua e da cultura galegas no exilio durante os anos da ditadura.

GalizAmerica está composta por 13 paneis no que vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo.

O horario de visita de GalizAmerica na Guarda é de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 horas os sábados.