Vigo converteuse na primeira parada na provincia de Pontevedra da exposición ‘Amigo, dáte conta’, organizada pola Delegación do Goberno en Galicia e enmarcada na axenda de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A mostra presenta, a través de carteis informativos e viñetas, actitudes relacionadas coa violencia machista, fundamentalmente no ámbito da parella, para concienciar a poboación máis nova.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, expuxo na inauguración que a iniciativa busca poñer o foco na concienciación da mocidade, “que é quen está a construír a sociedade do futuro, na que non debe ter cabida a violencia machista”.
Acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e a responsable da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller de Galicia, María Debén, o delegado salientou que Vigo é a primeira cidade da provincia de Pontevedra en acoller esta exposición “demostrando que é unha cidade exemplar á hora de traballar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero, así como na protección ás vítimas, coa colaboración entre Policía Nacional e Local no marco do sistema VioGén”.
‘Amigo, dáte conta’ poderá ser visitada durante as próximas semanas na Praza do Rei de Vigo. Consta de seis prismas que recrean conversas cotiás a través dunha linguaxe próxima á xuventude, con carteis informativos e viñetas que reflicten actitudes e realidades de violencias machistas, en especial no ámbito da parella.
Nos debuxos reflíctense situacións e comportamentos de desprezo, machismo, violencia psicolóxica, abuso emocional e obsesión. Ademais das viñetas, na exposición pódense ler varias frases con datos sobre violencias procedentes do estudo ‘La situación de la violencia contra las mujeres en la adolescencia en España’, realizado polo Ministerio de Igualdade sobre unha mostra de máis de 13.000 persoas de 14 a 20 anos.
Pedro Blanco recordou que, no que vai de ano, 4 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en Galicia vítimas de violencia machista e que na nosa comunidade hai 5.791casos activos no sistema VioGén. “Son cifras inasumibles, pero no Goberno temos moi claro que non imos parar ata alcanzar unha sociedade igualitaria, inclusiva e xusta. Esta exposición responde a este obxectivo”, concluíu.
