Sorrisos Transformadores en O Rosal

Este mércores 10 de xaneiro, tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal a inauguración da exposición fotográfica Sorrisos Transformadores, levada a cabo pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de familias con menores Trans- Arelas, con fotografías de Noemí Chantada e en colaboración co concello do Rosal, e estará no CPI Suárez Marquier ata o día 22 de xaneiro co acceso libre para toda a poboación.

A mostra foi presentada por Digna Rivas deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Lucia Muradas Arcay, xefa de Servizo de igualdade, e Jesús Mª Fernández Portela alcalde do Rosal.

A presentación foi complementada por unha charla impartida por Cristina Palacios, presidenta de ARELAS dirixida ao alumnado de educación secundaria do CPI Suárez Marquier. A charla “Crianzas trans*formando a sociedade” tivo un enorme éxito entre o alumnado que alargou a sesión coa súas preguntas a Cristina, facilitando un interesante debate ao remate do coloquio.

Baixo o lema «respecta – defende – sensibiliza – iguala – vive e deixa vivir«, o proxecto está integrado por 10 imaxes. Esta campaña de visibilización positiva inclúe os retratos de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e irán acompañadas cada unha dun texto que recolle unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense algunhas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero vencelladas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadoras e educadores, xuristas, políticas e políticos, psicólogas e psicólogos…

«Sorrisos Transformadores» nace co obxectivo de lles dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e ás súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.