O xefe territorial de Infraestruturas de Xunta en Pontevedra, José Luis Díez Yáñez, e o Xefe de Servizo Provincial de Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey visitaron a semana pasada O Rosal para coñecer de primeira man todas as demandas veciñais relacionadas con diferentes problemáticas e danos nas estradas da Xunta que pasan polo concello.

Acompañados pola alcaldesa, Ánxela Fernández, e do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, os responsables de Infraestruturas visitaron in situ catro puntos clave que concentran a maior parte de peticións de mellora por parte da veciñanza.

O Goberno municipal xa trasladara á Xunta todas estas demandas veciñais e solicitara formalmente o seu arranxo e atención nunha reunión previa celebrada hai uns meses en Pontevedra. “Dende o Concello queremos agradecer a Infraestruturas que viñeran ata aquí para coñecer e atender as demandas dos nosos veciños e esperamos que poidan darlle resposta coa maior celeridade”, explica a alcaldesa.

Melloras en catro estradas

Díez Yáñez e González Juanatey visitaron a VAC GC 4.2 para coñecer a última problemática sinalada polos veciños que viven na contorna desta vía de alta capacidade. Tamén se achegaron ata a PO-353, a estrada que vai de Pancenteo-Marzán-Novás ata Fornelos, onde os rosaleiros demandan, non só pasos de peóns que garantan a seguridade vial, senón tamén o arranxo de pequenos danos e outras medidas de mellora.

O percorrido rematou noutras das estradas de competencia autonómica: a PO-354, que vai dende As Patas ata Fornelos, e a PO-552, a estrada que une A Guarda-O Rosal-Tui.