JOSÉ CUEVAS
JOSÉ CUEVAS

Despois da primeira fase de elaboración da candidatura coa que NIGRÁN DECIDE se presentará ás eleccións municipais a celebrar no próximo mes de maio, resultou elixido como candidato á alcaldía de Nigrán José Cuevas Raposo, actual voceiro do grupo municipal. José Cuevas é Técnico da Función Administrativo, desenvolvendo actualmente a súa actividade profesional como Técnico de Prevención de Riscos Laborais no SERGAS.

NIGRÁN DECIDE valorou, á hora de tomar esta decisión, o traballo realizado por Cuevas para coordinar o grupo municipal e das persoas que participan na candidatura. Como consecuencia deste traballo, durante estes catro anos presentáronse 32 propostas, centradas en Nigrán, sobre temas medioambientais, sociais e culturais, entre a que cabe destacar o estudo pola que se determinaba que Nigrán tiña que ter unha biblioteca cunha superficie mínima de 1.100 m2, que, segundo afirmou o alcalde nun pleno, serviu de base para realizar o proxecto da nova biblioteca, actualmente en construción. Tamén dedicamos atención especial ao control dos servizos públicos, nomeadamente dos privatizados, así como a reclamar o rigor e responsabilidade na xestión do goberno municipal, facendo 248 preguntas ao goberno municipal.

NIGRÁN DECIDE é unha candidatura resultado da confluencia de persoas e colectivos de distintas sensibilidades políticas, cun ánimo de traballo de consenso, no que queremos aproveitar todo aquilo que nos une, en base a uns principios programáticos, co rigor e a seriedade como forma de traballar, cos nosos acertos e erros, onde o que buscamos é unicamente o que consideramos mellor para Nigrán e a súa veciñanza.

Os principios programáticos de NIGRÁN DECIDE son a transparencia e a participación cidadá, poñer o concello a traballar na defensa dos intereses públicos e colectivos da maioría da veciñanza, fronte aos intereses particulares e privados, e pola defensa do medio ambiente, da cultura, do patrimonio e da lingua galega.