“A idea xurdiu despois de ler a tradución ao goianés que Tinita Ozores fixo da obra ‘Cinco horas con Mario’, de Miguel Delibes”. Con esta naturalidade explica Elena Alonso, (responsable do guión e protagonista da derradeira representación teatral do Grupo San Roquiño, de Goián), a orixe de “A última hora con Tonio”; unha comedia divertida e transgresora na que os personaxes móvense arredor do cadaleito dun home, cuxa viúva ten aínda moitas contas que saldar con el.
En efecto, o único que comparten ambas propostas teatrais son certa semellanza no nome e no escenario onde transcorre a acción: un velorio. Tamén o monólogo-diálogo que a viúva mantén co seu home cando se queda a soas con el, durante a madrugada, aínda que o texto non é o mesmo que na obra orixinal, nin moito menos. Reproches, conversas pendentes, lembranzas de tempos pasados, todo maridado coa típica ironía dos habitantes de Goián.
Trece actores, homes e mulleres de entre 50 e 60 anos, dan vida a esta dinámica comedia de 45 minutos de duración na que as risas están aseguradas.
Elena Alonso explica a obra foi representada tres veces xa, con moi boa aceptación do público, especialmente, na función celebrada no Centro Goianés o ano pasado; éxito que espera revalidar nesta cuarta representación deste domingo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Tomiño, con entrada de balde e recomendada para maiores de 12 anos.