A reunión celebrouse este sábado coas deputadas Eva Solla Fernández e Julia Torregrosa Sañudo, e mais co deputado Antón Sánchez García que acudiron ao Val Miñor, para expresar o seu apoio ás candidaturas Nigrán Decide, Gondomar Concello Aberto e Unidas Podemos de Baiona,  integradas na coalición Son En Común (Anova, Esquerda Unida e Podemos).

José Cuevas expuxo os problemas relativos á Rúa Otero Pedrayo, a escaseza de ambulancias no Val Miñor, a problemática dos comedores escolares en Nigrán, a contaminación do litoral, especialmente na Foz do Miñor, e a necesidade de vivenda de protección en Nigrán.

Este sábado celebrouse unha reunión entre o candidato de Nigrán DECIDE á alcaldía, José Cuevas Raposo, e os membros do parlamento de Galicia Eva Solla Fernández, da comisión de Sanidade, Política Social e Emprego;  Antón Sánchez García, da comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; e Julia Torregrosa Sañudo.

Na reunión José Cuevas informou da problemática da sanidade pública en Nigrán, facendo fincapé no recorte das ambulancias no Val Miñor, a problemática dos comedores escolares en Nigrán, así como da necesidade de vivenda de protección oficial en Nigrán. Con relación a este tema comentouse a cantidade de xuventude que, ante os prezos prohibitivos da vivenda en Nigrán, teñen que marchar a concellos próximos ao emanciparse.

Renovación da Rúa Otero Pedrayo

José Cuevas tamén expuxo aos parlamentarios a necesidade de que se acometa o arranxo da Rúa Otero Pedrayo, vial de competencia da Xunta de Galicia. «Con relación a este tema, cómpre destacar que o pleno do Concello de Nigrán, en sesión plenaria do 28 de xullo de 2016, acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a iniciar de xeito inmediato os trámites necesarios para a renovación de beirarrúas, instalación de saneamento e abastecemento de auga, así como a mellora do firme, implementando medidas de seguridade vial, sen que o alcalde de Nigrán sexa capaz de acreditar que ese acordo fose transmitido á Xunta de Galicia. Ademais, no pleno do pasado mes de abril, negouse a contestar sobre a data en que se remitiu á Xunta de Galicia dito acordo plenario, o que nos leva a pensar que o alcalde non fixo ningunha xestión para arranxar esta rúa», sinala José Cuevas.