Juli Castro

Despois da Asemblea Nacional do BNG celebrada o pasado mes de decembro e
cumprindo co proceso de nomeamento dos órganos locais, o BNG en Baiona ven de
renovar a confianza en Juli Castro coma responsábel local co respaldo unánime da
Asemblea Local.

Juli, que leva ostentando o cargo dende 2019, amosaba “gratitude pola confianza
depositada en min polas compañeiras e compañeiros”, ao mesmo que sinalaba
“temos grandes retos por diante como ampliar a base militante no noso concello e a
loita contra o espolio enerxético que está a sufrir Baiona cos diferentes proxectos
eólicos que ameazan o noso territorio. Pero por enriba de todo, o obxectivo
fundamental é acabar co actual goberno local do PP de Almuíña que está a facer unha
nefasta xestión e está xerando un malestar social que está a prexudicar a veciñanza
de Baiona”.

A Asemblea Local tamén nomeou as persoas integrantes do consello local que queda
formado pola propia Juli como responsábel local, Iago Pereira como portavoz, Bernabé
Sequeiros como responsábel de comunicación e Yasmina Moreira como responsábel
de organización.