As Gándaras de Budiño son unha zona de especial protección ambiental, mais tamén son reiteradas as agresións que esta contorna está a sufrir. «O último exemplo disto é a aparición dun vertedoiro de rodas que non deixa de crecer», aseguran dende o BNG.

Afirman que o vertedoiro sitúase a poucos metros do Camiño Portugués e nun Hábitat de Interese Prioritario, que ten a máxima protección ambiental, por ser un dos escasos “bosques asolagados” que ten o territorio. «Este vertedoiro de rodas ocupa unha extensión linear de 100 metros. Ademais, é utilizado como valado para delimitar unha finca, incumprindo a lexislación vixente«, indican.

O goberno de Alejandro Lorenzo foi informado polo concelleiro Marcelo Rodríguez «mais a resposta está a ser a inacción ambiental. Os neumáticos son residuos altamente contaminantes con metais pesados como o cadmio, chumbo ou cinc, substancias procedentes dos hidrocarburos e aceites minerais, que, acumulados en vertedoiros, contaminan o solo, os acuíferos, que son a base da auga potábel das poboacións, e afectan as especies vexetais e animais«, comentan.

«Dende o BNG levamos advertindo o goberno de Alejandro da súa deixadez nas funcións ambientais. Hai xusto dous anos, o PP publicaba nas redes o seu compromiso e contundencia á hora de eliminar os vertidos ilegais que había no concello. Encontrámonos ante unha nova promesa incumprida de Alejandro Lorenzo, a súa política baséase no anuncio mediático, pero, á hora de actuar, dependerá de quen ten en fronte e de cal sexa o obxectivo. É evidente que a protección do medio non é unha prioridade deste goberno”, advirte Marcelo Rodríguez, concelleiro nacionalista.