A voceira municipal do PP de Tomiño, Lara Meneses, vén de ser nomeada como nova directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, segundo anunciou esta mañá o presidente galego, Alfonso Rueda, tras a sesión ordinaria do Consello da Xunta celebrada en San Caetano. A asunción desta nova responsabilidade no executivo autonómico será oficial esta mesma semana coa publicación no DOG.

Por este motivo, a líder do PP local de Tomiño vén de presentar esta mesma mañá a súa renuncia á acta de concelleira e admite que o fai “forzada pola incompatibilidade legal de ambas responsabilidades”.

“Hoxe é un día de sentimentos encontrados porque está claro que é un orgullo que pensen en min para esta responsabilidade e valoren o traballo do PP de Tomiño, pero tamén me afonda a tristura de ter que deixar, por cuestións legais, a miña acta como concelleira”, explicou Meneses.

“Débolle absolutamente todo o que son como política, e tamén moito do que son como persoa, a Tomiño e aos nosos veciños, polo que agardo que estean orgullosos e garántolles que sempre me sentirei concelleira deste pobo aínda que non teña acta na corporación e que quero seguir a atendelos coa mesma disposición e adicación que ata hoxe. Estea onde estea sempre defenderei a Tomiño e aos meus veciños”, significou a futura Directora Xeral de Xuventude.

Lara Meneses, que formalizou a súa renuncia hai uns minutos a través dunha carta presentada no rexistro municipal e que tamén lle comunicou a situación á alcaldesa, Sandra Álvarez, insistiu en que os tomiñeses “son, para min, a medida de todas as cousas e os que me espertaron a plena vocación de servizo público, polo que, cando me necesiten, alí estarei coma sempre”.

A líder do PP local tamén quixo expresar o seu agradecemento a todos os membros da corporación municipal “polo apoio e o respecto” e especialmente aos integrantes do seu partido “pola súa xenerosidade, traballo e implicación e porque xuntos, somos unha garantía plena para que siga adiante, co maior dos acertos, o noso proxecto de alternativa política e democrática no Concello. Tamén lles agradezo o inmenso apoio nestes momentos porque sabemos que esta é una boa nova para Tomiño”.

En canto á reorganización do PP tomiñés, Lara Meneses anunciou que vai seguir ao fronte da Xunta Xestora para continuar coa dirección orgánica do partido, mentres que, no grupo municipal, a concelleira Mónica Otero asumirá as funcións de voceira e Alba Martínez, número 7 da candidatura popular, incorporarase como nova concelleira.