Antonio Lomba, candidato do PSdeG á reelección como alcalde nas municipais do 28 de maio, «propón novas medidas no seu programa encamiñadas a mellorar as diferentes instalacións municipais, así como a construción dunha pista de Pump Truck na zona do porto«.

Unha das principais actuacións que prevén acometer os socialistas no próximo mandato «é a renovación integral da Piscina Municipal, para a que xa presentamos un proxecto de reforma e rehabilitación enerxética aos fondos Next Generation da Unión Europea. O orzamento desta importante obra, que prevé un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume, ascendía a 2,3 millóns de euros».

Segundo Lomba «na partida contémplanse, entre outras cousas, unha nova iluminación LED, a ampliación do ximnasio e o spa, abrir un novo vaso para os nenos e nenas, unha sala de usos múltiples, xunto á mellora dos equipos e da estética do edificio e o seu entorno».

Trátase dun proxecto ambicioso que permitirá a modernización e a renovación integral da piscina, facéndoa máis eficiente e accesible. Supón unha obra moi necesaria porque é unha instalación clave para a nosa veciñanza á hora de practicar deporte, pero tamén un recurso importante de cara ao mantemento e a mellora da saúde”, subliña Antonio Lomba.

Os socialistas- di Lomba- «tamén reformaremos as actuais instalacións do campo de fútbol, coa creación dun novo espazo para vestiarios, ximnasio e zona de actividades e reunións, continuarán mellorando o parque deportivo do Codesal, e acondicionarán a pista de baloncesto no Centro Cultural».