Lucenza – Ateneo de Nigrán, xunto co Comité Intercentros da CRTVG e outras 34 entidades galegas, integrantes da Plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación de Galicia, veñen de presentar esta mañá no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular, “Liberemos A Galega!”.
O obxectivo desta ILP é conseguir a modificación da actual Lei 9/2011 de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, pola que se rexe a CRTVG, para así «liberala do secuestro ao que está sometida polo Partido Popular e poñela ao servizo do pobo».
Os promotores consideran que os medios audiovisuais públicos de Galicia «son un servizo esencial, que ten como misión difundir contidos destinados a promover a cultura e a lingua galega e garantir a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia».
Tareixa Navaza, Xurxo Souto e Manuel Pampín van ser as voceiras e voceiros da comisión promotora desta iniciativa lexislativa, «que proporá os cambios normativos que a pluralidade de colectivos e organizacións que conforman a plataforma consideran imprescindibles para o rescate e a democratización dos medios públicos do país».
Durante este outono desenvolverase unha campaña informativa sobre a ILP e comezará a recollida de sinaturas necesarias para a súa tramitación, na que o Ateneo de Nigrán participará e para a que se solicita o apoio da veciñanza miñorana.