O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, pediu esta noite en Gondomar transformar o domingo 28 toda a ilusión polo cambio que se percibe na rúa por votos e lograr así maiorías que permitan os gobernos fiables e solventes que garante o Partido Popular.

“Somos maioría os que queremos concellos con gobernos que xestionen, que traballen, que respondan ás necesidades dos veciños, que garantan servizos de calidade, que tomen decisións que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía…”, sinalou López, e por iso dixo que en Gondomar “é importante apostar por un proxecto que conta con todos e para todas as parroquias, como o que ofrece Paula Bouzós, porque só así se constrúe un Gondomar de 10. Un goberno aberto, dialogante, próximo, que se preocupe, que empatice e que atenda”.

Foi durante un mitin de campaña organizado polo PP de Gondomar, no que tamén participou o responsable galego de Medio Rural, José González. López subliñou que “no PP construímos realidades. Realidades para todos. Porque os nosos Gobernos son para todos os cidadáns sen excepción”, e destacou que “o traballo e a entrega” da candidata popular, que conta cun grandísimo equipo, moitas gañas e ilusión e tamén co mellor proxecto, “permitiulle converterse na auténtica alternativa a este Goberno. Xerando ilusión, espertando confianza, construíndo un proxecto serio, solvente e rigoroso para Gondomar”.

DÚAS OPCIÓNS O 28 DE MAIO

A candidata á alcaldía, Paula Bouzós, recordou que o domingo 28 hai dúas opcións: continuar co goberno que este oito anos “se dedicou a todo menos a gobernar e atender as necesidades deste concello, que se esqueceu das parroquias, que destruíu comercio e converteu a Gondomar nun pobo dormitorio” ou “apostar por un proxecto novo, renovado, con ilusión e comprometido con cada un dos lugares de Gondomar”.

Recorda que o Goberno socialista «foi incapaz de dar solución en oito anos aos tres grandes problemas que ten Gondomar, que son o PXOM, o saneamento e o polígono da Pasaxe», e por iso Bouzós comprométese que «estes van ser os tres eixes do seu Goberno a partir  do 28 de maio».

Ademais, comprometeuse a reforzar o departamento de urbanismo para axilizar a concesión de licencias e aprobar o plan urbanístico; ofrecer un concello aberto aos veciños e non pechado a cal e canto; mellora de infraestruturas, apoio aos colectivos e entidades locais; apoio ao comercio local; implantar un transporte interparroquial que facilite a mobilidade dos veciños; xestionar a construción dun campo de fútbol en Vincios e mellorar o de Gaiandas e Couso; un Centro de Día, impulsar o Consello municipal da Muller; ampliar a cobertura do Servizo de Axuda no Fogar, etc.

“Gondomar ten dez parroquias e todas deben ser atendidas por igual, e por iso por un Gondomar de 10 deixará de ser un lema si Gobernamos, vaise converter nunha realidade”, engadiu.