O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor “a aposta e os feitos” da Xunta de Galicia polo Concello de Tomiño e redobrou o compromiso do Partido Popular con este municipio do Baixo Miño tras investir 20.661.362 euros desde o Goberno galego na derradeira lexislatura.

O mandatario provincial fixo balance destes catro anos e anunciou as propostas e os obxectivos do PP para o mandato autonómico 2024-2028 durante o percorrido que fixo esta mañá pola tradicional feira dos mércores acompañado pola voceira municipal, Lara Meneses, o candidato Moisés Rodríguez e membros da agrupación local. Durante a súa visita polo mercado, fixou como obxectivo “superar esta xa de por si elevada de cifra de 20 millóns de euros en Tomiño durante a vindeira lexislatura para seguir atendendo as necesidades dos veciños e favorecendo o progreso e o desenvolvemento do municipio”.

Luis López recalcou que a aposta dos populares por Tomiño desde a Xunta foi “transversal e global” e destacou especialmente os 8.428.148 euros destinados a investimentos sociais, salientando os máis de 700.000 euros para a gratuidade universal da matrícula nas escolas infantís ou os algo máis de 2 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar.

O presidente provincial tamén concretou que se fixeron achegas de apoio e colaboración con 90 comercios e empresas locais, moitas delas vencelladas aos sectores da hortofruticultura e o viño, con achegas de ata 4,4 millóns de euros procedentes das consellerías de Economía e Medio Rural.

Nestas liñas de apoio, Luis López incidíu tamén no respaldo ás potentes comunidades de usuarios de augas de Tomiño, que se beneficiaron de 736.000 euros da Xunta de Galicia para melloras, equipamentos e infraestruturas “co obxectivo de apoialas na prestación dun servizo básico que, neste concello, é da máxima calidade e unha referencia en Galicia”.

No eido da obras, púxose sobre a mesma o 971.000 euros en investimentos educativos, que permitiron modernizar os colexios Pedro Caselles, Sobrada e Pintor Antonio Fernández, e o 1.081.066 euros en infraestruturas, onde destacou a humanización e mellora da estrada autonómica PO-552 coa corrección do seu Tramo de Concentración de Accidentes.

Finalmente, Luis López anunciou que, para a vindeira lexislatura galega, as principais propostas do PP para Tomiño céntranse na rehabilitación integral do IES Antón Alonso Ríos, que vai contar cun novidoso proxecto baseado na sostibilidade e que roldará os 5 millóns de euros, e na construción da autovía Tui-A Guarda, que xa pode acometerse con garantías tras o remate do enlace de Areas e cuxo primeiro treito chega ao concello tomiñés.