O Museo de Pontevedra e a Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN), acaban de abrir o prazo de inscrición para participar no XVII Congreso Nacional de Numismática, que se celebrará en Pontevedra do 12 ao 14 de setembro deste ano. Desde hoxe é posible inscribirse para asistir ao congreso como oínte, e tamén para solicitar a participación mediante comunicacións. Toda a información e os formularios atópanse en Congreso Nacional de Numismatica.

A inscrición como oínte no congreso implica o pago dunha taxa de 30 €, que será de 40 € a partir do 1 de xullo. As persoas en situación de desemprego que así o acrediten poderán asistir de maneira gratuíta. A asistencia ao congreso será recoñecida mediante un certificado expedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais terá o recoñecemento de actividade formativa complementaria no seu programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

Por outra banda, o congreso está aberto á participación mediante comunicacións. As propostas deben enviarse antes do 15 de abril, para que un comité científico valore a súa inclusión no programa. As comunicacións aceptadas presentaranse  dentro do programa do congreso e ademais recolleranse posteriormente nas actas, cuxa publicación correrá a cargo do Museo Casa De la Moneda de Madrid.

Esta edición do Congreso Nacional de Numismática, a primeira desde a de 2018 en Barcelona, está organizada polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN), co patrocinio da Real Casa de la Moneda. Terá como lema ‘Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento’. Baixo este epígrafe programaranse conferencias e mesas de debate. Tamén haberá cabida para a presentación de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento.

A programación completarase con actividades didácticas e coa exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo’, na que se exhibirán pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada pola conservadora do Museo de Pontevedra Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega.

A 17ª edición do congreso pretende xerar un espazo de diálogo común no que participen especialistas e persoas iniciadas, achegar a disciplina a quen non a coñece e xerar un compromiso de coparticipación entre aqueles que a manteñen vixente, en aras de crear novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encargarase Antonio Roma Valdés, fiscal, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.

Desde que en 1972 se celebrou a primeira edición en Zaragoza, o Congreso Nacional de Numismática é o espazo no que se dan a coñecer os últimos achados monetarios e onde se intercambian coñecementos entre todos os axentes implicados neste ámbito: museos, investigadores e coleccionistas.

A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da colección numismática do Museo. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedad Arqueológica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando a colección ata as arredor de 15.000 pezas coas que conta na actualidade.